Actualidad

O pasado martes día 19 de novembro rematamos o Servizo de Atención Integral a Coidadoras en Bergondo.Rematou a formación para coidadoras non profesionais no concello de Bergondo

Imagen noticia

Por séptimo ano consecutivo, o concello de Bergondo acolleuse ao Servizo de Atención Integral a Coidadoras non profesionais do rural, programa subvencionado pola Deputación de A Coruña.

Desta volta, contamos con unha participación de 9 mulleres que asistiron con regularidade ao curso, polo que valoramos moi positivamente a asistencia e interese amosado este ano.

Durante sete sesións, traballamos cuestións relacionadas coa saúde, o benestar e os hábitos saudábeis para mellorar a nosa calidade de vida; a corresponsabilidade nos coidados, ben no ámbito das tarefas domésticas e reprodutivas ben no eido da atención ás persoas en situación de dependencia; os vínculos afectivos e a nosa socialización de xénero, visibilizando como esta afecta á construción de relacións amorosas e afectivas máis saudábeis.

Os talleres posibilitaron a toma de consciencia, o debate e a partilla de experiencias, sensacións e emocións relacionadas co seu rol de coidadoras e coa súa necesidade de sentirse recoñecidas e valoradas. Asemade, o intercambio facilitou a posta en común de ferramentas posibilitadoras para aumentar o seu benestar e a súa saúde integral: física, psicolóxica, emocional e social.

Ficamos moi contentas desta nova edición do SAIC Rural e da disposición sempre tan eficiente e colaborativa dos Servizos Sociais do concello de Bergondo. Agardamos repetir o vindeiro ano coa oitava edición!