Actualidad

Talleres de activación social do proxecto "Cuidadanas".“EnREDando na cidade” en tempos da COVID-19

Imagen noticia

O taller “EnREDando na cidade”, enmarcado nos Espazos de Participación do Servizo de Apoio Integral ás Mulleres Coidadoras e financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, desenvolveuse nunha sesión de aproximadamente dúas horas o pasado 31 de marzo. Esta actividade tivo como principais obxectivos romper co illamento que para moitas mulleres coidadoras ou ex coidadoras supón o traballo de coidados, especialmente na realidade actual e, por outra banda, coñecer e compartir recursos de participación social a través das redes.

 

Durante esta sesión, as participantes reflexionaron sobre como a pandemia sacudiu as nosas vidas en diferentes aspectos como: a relación de parella, a interacción con outras persoas do noso entorno, o impacto da soidade e do illamento forzado e o incremento das relacións por canles telemáticas, entre outras. Destacouse tamén a importancia de tecer lazos comunitarios, aínda de xeito online, para promover sentimentos positivos dentro desta situación. 
 
As mulleres participaron de xeito activo a medida que se ía avanzando na presentación dos contidos e se ían relacionando ca realidade individual de cada unha, promovendo o seu protagonismo e creando un ambiente de grupo baseado na confianza e o intercambio de experiencias propias.